venres, 11 de agosto de 2017

Nove lúas


   Nas lendas de Melusina cóntase que as fadas poden ter fillos, pro hai que arroubarllos tan axiña  como nacen, porque pode darse o caso  de que a fada os queira xantar. As fadas poden sere a un tempo terríbeles  e beninas , e Campbell compara a Viviana coa Nai Cósmica -a Nai Cósmica de Dakshineswar, en cuio templo era sacerdote o grande místico hindú do século pasado Ramakrishna-. Forza cósmica, a totalidade do universo, a harmonía de todalas parexas de contrarios, "combinando marabillosamente o terror da destrucción absoluta con unha seguridade impersonal, pro materna. Por outra parte era o río do tempo, a fluideza da vida, a deusa que crea, protexe e destrui. O seu nome e Kali a Negra, i o seu tido A Barca Que Cruza O Mar Da Eisistencia". Unha serán tranquía, Ramakrishna veu cómo unha muller fermosa saía do Ganges e se dirixía ó campo en que il estaba meditando. A muller estaba pra parir un neno. Nun instante o neno naceu i ela deulle  de mamar con muito amor. Despois, nun pronto, trocándose nun ser horripilante, rompeu o neno en anacos e púxose a roer neles. Así que xantou todo, volveu ó Ganges, no que asulagou. Ista visión do místico non sorprendería ren a quen soubese as historias melusinas ou lese do mundo das fadas na xa citada saga de Nyaggur.

de Tesouros novos e vellos. Álvaro Cunqueiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario